04 marzo 2018

As seguintes reunións foron aproveitadas para tratar o disfraz e por fin disfrazar a nosa biblioteca para o entroido. Aquí tedes fotos de como o fixemos, que ben o pasamos e que ben quedou.



 






Na reunión do xoves 25 de xaneiro chegamos ao acordo de ler " As lágrimas de Shiva", de César Mallorquí cos alumnos de 1º e "Corazón de tinta", de Cornelia Funke cos alumnos de 3º,.Os alumnos de 4º este ano están moi agobiados coas lecturas obrigatorias e pediron máis tempo para seguir con "Nubes de evolución" de Andrea Aneiros.
Aínda que levamos moito tempo sen contalo neste blog, o noso club de lectura segue reuníndose, hoxe queremos contar como foi a reunión para falar de "Un monstro vén a verme" co alumnado de 1º de ESO o 18 de xaneiro. 

 A partir da lectura desta novela, reflexionaron sobre os monstros que todos temos no noso interior e que debemos recoñecer e vencer mediante actitudes positivas. 

Coa axuda dunha presentación fomos comentando o argumento da obra e toda a súa simboloxía e concluímos que a ficción axuda a entender a realidade, as persoas non somos sempre boas nin sempre malas e que as aparencias enganan. 

O libro ten como protagonista un neno que vive un momento complicado: sabe que a nai vai morrer de cancro e ten sentimentos de culpa por desexar que todo remate dunha vez. Ademais, seu pai ten outra familia lonxe e non vai facerse cargo de el, por se isto fose pouco, séntese invisible no instituto e hai rapaces que o acosan. Refúxiase na fantasía dunha árbore que se converte en monstro e que coas súas historias lle vai axudar a afrontar a situación e lle dá ferramentas para poder repoñerse, porque todos somos capaces de saír adiante incluso despois dos dramas.

O libro gustou en xeral pese a que lles resultou demasiado triste. Coido que pese a iso foi unha lectura acertada porque está ben que se poñan na pel de quen sofre acoso ou está pasando por un proceso de perda dun familiar cercano e que reflexionen sobre cal debería ser a súa reacción, como afectados ou como amigos.