Xa tivemos a reunión sobre a Dolores Claiborne, de Stephen King.
Teño que recoñecer que houbo algunhas reticencias sobre se o pasaríamos moi mal léndoa, se sería de terror. Esta é a primeira novela Stephen King que leín e agradezo coñecelo, penso ler moito máis.
Ao final pasámolo mal lendo pero non polo terror senón porque o que trata é bastante realista e hai situacións polas que podemos pasar calquera de nós.
Aquí tedes a sinopse da novela, intentei non revelar moito e manter a intriga:
Durante trinta anos, os habitantes de Little Tall Island esperaron pescudar que pasou durante o estraño día -o día da eclipse total- en que morreu o marido de Dolores Claiborne. Agora a policía quere pescudar que pasou onte, cando a rica muller para a que Dolores facía as tarefas domésticas, unha muller prostrada na cama, morreu repentinamente. Sen outra opción máis que falar, Dolores presenta a súa conmovedora confesión.
Biografía de Stephen King
Stephen Edwin King (Portland, Maine, 21 de setembro de 1947), máis coñecido como Stephen King e ocasionalmente polo seu pseudónimo Richard Bachman, é un escritor estadounidense de novelas de terror, ficción sobrenatural, misterio, ciencia ficción e literatura fantástica.
Os seus libros venderon máis de 500 millóns de exemplares, e na súa maioría foron adaptados ao cinema e á televisión. Publicou 65 novelas, once coleccións de relatos e novelas curtas, e sete libros de non ficción, ademais dun guion cinematográfico, entre outras obras.
Desdeñado por críticos e académicos literarios por ser considerado un autor «comercial», a súa obra xerou maior atención desde a década de 1990, aínda que algúns deses círculos continúan rexeitando os seus libros. É criticado regularmente polo seu estilo presuntamente «non literario» e pola excesiva extensión dalgunhas das súas novelas. Pola contra, o seu sentido da narración, os seus personaxes animados e coloridos e a súa capacidade para xogar cos temores dos lectores foron obxecto de eloxios. Aínda que en varias das súas historias utiliza o recurso do terror, tamén aborda de maneira regular temas como a infancia, o racismo e a guerra, brindando un retrato social moi realista dos Estados Unidos.
King gañou numerosos premios literarios, incluíndo o Premio Bram Stoker en trece ocasións, o Premio British Fantasy sete veces, os Premios Locus en cinco oportunidades, o Premio Mundial de Fantasía catro veces, o Premio Edgar en dúas ocasións e os premios Hugo e O. Henry nunha oportunidade. Ao ser nativo de Maine, moitas das súas historias desenvólvense nese estado. Tamén é frecuente o seu uso de cidades ficticias situadas en Maine, como Castle Rock, Jerusalem's Lot e Derry. É esposo da escritora e activista Tabitha King desde 1971, coa que ten tres fillos: Naomi Rachel (1970), Joe (1972) e Owen (1977).
Enlace ao trailer da película baseada na novela:
Ningún comentario:
Publicar un comentario