Hoxe tivemos reunión do club de lectura e aproveitamos para celebrar o día do libro.
A novela deste mes foi León el Africano. É unha novela histórica que viaxa no tempo e no espazo. Neste caso gozou máis da novela a sección de letres, sobre todo afeccionados á historia. A parte de ciencias botamos en falta emoción e compromiso cos seus do protagonista.
Un breve resumo da novela:
Nunha época de crise na que dous grandes imperios pugnan pola supremacía no Mediterráneo, Hasan, nacido en Granada pouco antes de 1492 e máis coñecido como León o Africano, emprende unha extraordinaria peregrinación que, guiado pola súa paixón de vivir, levarao á misteriosa cidade de Tombuctú, aos quince reinos negros situados entre o Níxer e o Nilo, e á cegadora Constantinopla. Finalmente, os seus coñecementos e experiencias, onde se funden a cultura oriental e a occidental, o mundo cristián e o do islam, serán postos ao servizo do papa León X e de Julio de Médicis.
Biografía de Amin Maalouf
Escritor libanés, Amin Maalouf desenvolveu a súa carreira literaria en lingua francesa. Maalouf estudou Economía e Socioloxía na Universidade Francesa de Beirut. Máis tarde, traballou como correspondente e director do xornal An Nahar. En 1976, como consecuencia da guerra civil no Líbano, exiliouse a Francia, onde reside desde entón.
Na obra de Maalouf mestúrase realidade e a ficción, así como as culturas orientais e occidentais. Os seus temas máis frecuentes son a emigración e a guerra do seu pobo. En 1993, recibiu o Premio Goncourt pola roca de Tanios, dándose a coñecer ao gran público.
De entre a súa obra cabería destacar ensaios como As Cruzadas vistas polos árabes ou O desaxuste do Mundo e novelas históricas como León o africano. Tamén se achegou á narrativa desde unha perspectiva máis persoal, como se pode apreciar en Os Desorientados.
Maalouf é membro da Academia Francesa e en 2010 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras como recoñecemento a toda a súa carreira literaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario