Xa tivemos a reunión para falar da nosa primeira novela de Ciencia Ficción: "Soñan os androides con ovellas eléctricas?"
É a novela que inspirou a película Blade Runner.
Penso que foi unha boa elección para iniciarnos neste xénero, a maioría dos membros do club disfrutamos da lectura aínda que quedamos un pouco descolocados polo final.
De todas maneiras, sendo unha novela publicada en 1968, os temas que trata poden ser trasladados facilmente á época actual: a guerra que pode acabar coa vida na terra como a coñecemos, a contaminación, a ruina dos edificios abandonados, a extinción das especies, os programas de televisión...
A min chámame a atención especialmente a importancia da empatía como característica da humanidade, que é o único que permite distinguila dos androides.
Temos unha lectora moi activa que non puido asistir a esta sesión pero que enviou por escrito as súas impresións, e como penso que son moi interesantes aproveito para compartilas aquí.
- Aínda que hai algunhas “predicións” acerca do futuro que quedaron obsoletas (por exemplo o papel carbón), si que creo que acerta no transfondo: dependencia das máquinas, extinción de especies animais e mesmo a forma en que os humanos se ven obrigados a compartir as súas emocións cos demais a través das caixas de empatía, lembroume á obsesión de compartir estados de ánimo a través das redes sociais. - A atmosfera pesada que describe. Por como describe o ambiente case se pode sentir o po radioactivo e a "basugre". Ademais a forma de como a "basugre" vai dominando todo dálle un punto de pesimismo: aínda que se limpe esta volve aparecer. - A consideración dos animais como un indicador do status, tanto que os humanos que non poden chegar a ter un real fanse cun artificial, tan semellante a un real que mesmo os seus talleres de reparación fanse pasar por clínicas veterinarias. Lembroume ao que sucede na actualidade coas falsificacións de roupa ou accesorios. - O grao de perfección dos Nexus, de forma que a única forma de detectalos é cunha proba de empatía. Só os humanos son capaces de sentir empatía. E aínda así a intelixencia do androide pode evitar o test e facer dubidar, como no caso de Luba Luft, a cantante de ópera. Outra proba do seu nivel de intelixencia é que son capaces de detectar as condicións de escravitude nas que viven nas colonias, revelarse e escapar. - Á vez que os Nexus están cada vez máis perfeccionados, os humanos parecen cada vez máis desencantados, por iso para sentir emocións teñen que conectarse ao seu climatizador de ánimo. Ademais a emigración cara a outros planetas non parece ser a solución perfecta que se expuxo ao principio.
- A similitude entre o mercerismo e a relixión. - A figura do amigable Buster, retransmitindo por todas as canles acotío, como unha forma de anestesiar e emboubar aos humanos. Lembroume tamén a determinados programas de televisión da actualidade que se emiten nalgunhas cadeas durante horas e horas sen ningún tipo de contido
Ningún comentario:
Publicar un comentario