O último libro que imos ler este curso é a obra de teatro As Alumnas de Paula Carballeira que gañou o premio nacional de teatro no ano 2023. Aquí tedes a noticia no diario Nós do 1 de setembro de 2023:
A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou a obra da autora galega "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate", así como "polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República": María Barbeito.
Aliás, o xurado quixo poñer en valor como "a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada".
Aquí a súa biografía:
Paula Carballeira Cabana, nada en Maniños, Fene en setembro de 1972 é unha escritora, intérprete e realizadora de contacontos e actriz galega.
Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde vive dende o ano 1989.
Comezou a traballar como narradora oral nos anos 90. Participou en festivais de narración oral tanto a nivel nacional como internacional como Portugal, Polonia, Francia, Colombia, Brasil, Perú, Cabo Verde, entre outros.Realiza tamén a súa actividade en bibliotecas e centros de ensino e formación.
A meirande parte dos contos proveñen da tradición oral galega, engade a súa experiencia ou opinión persoal. As veces adapta relatos de Maupassant a Mía Couto , escritores que para ela teñen amplo coñecemento da transmisión oral.
Escribe relatos infantís e xuvenís, ademais de poesía, ensaio e teatro. Moitos dos seus libros estás traducidos a varias linguas. As temáticas que trata abranguen o misterio, a relación entre a vida e a morte e os medos, onde as mulleres teñen un papel protagonista e sempre con sentido de humor e tenrura. Reivindica a palabra como algo terapéutico e necesario para saír do fastío e a soidade.
Pertence á compañía de teatro Berrobambán dende 1996.Como actriz participou en varias series e programas na TVG. Para Carballeira a dramaturxia e a tradición oral "comparten a intención de poñer diante dos nosos ollos unha ficción, unha verdade sobre a existencia, sobre os seres humanos", salientando a importancia do uso das dúas linguaxes para comunicarnos, comprendernos e acompañarnos.
Vídeos da obra representada
AS ALUMNAS | Quen é María Barbeito?
AS ALUMNAS | Nenas que medran na guerra
AS ALUMNAS | Queridas alumnas
AS ALUMNAS | Bailar en liberdade
AS ALUMNAS | Unha casa cárcere
AS ALUMNAS | As regras
AS ALUMNAS | Ser mestra
AS ALUMNAS | O silencio
AS ALUMNAS | Escribiremos en galego
Vídeo dunha entrevista á autora Paula Carballeira sobre esta obra:
Ningún comentario:
Publicar un comentario