Hoxe tivemos a 2ª reunión do club de lectura de adultos para falar de A cabeza de Medusa.
É unha novela sobre dúas rapazas de 2º de Bacharelato que son violadas, conta como se senten elas e como reacciona todo o seu entorno, compañeiras e compañeiros do instituto, profesorado, as súas familias e incluso as familias dos violadores.
Algúns opinamos que a historia estaba ben, pero non nos gustou o enfoque de literatura xuvenil, pero todos estivemos de acordo en que polo tratamento que fai do tema debería ser lido por todos os rapaces e todas as rapazas na ESO.
Aínda así, é unha novela que nos levou a interesantes reflexións:
- Chamáronnos a atención as citas coas que comeza cada capítulo, fixo que nos désemos conta de que a violación está aceptada dende o comezo da historia da humanidade, ilustrado con textos da mitoloxía, do Antigo testamento ata noticias dos nosos días.
- A inmensa maioría das mulleres sofren agresións, abusos ou acoso sexual nalgún momento ou momentos da súa vida, e cando isto ocorre é a muller a que sente responsabilidade e vergoña.
- Como segue sendo necesaria a militancia feminista, lembrando que só busca a igualdade entre xéneros, e que moitas veces se olvida que este é o verdadeiro significado do termo feminismo.
- Non chegamos a un acordo sobre se unha nai podería crer que o seu fillo é quen de violar a unha rapaza, pero discutimos bastante sobre o tema.
- O difícil que é e a valentía que exixe denunciar unha violación.
Fotos das imaxes de Medusa elixidas na clase de Latín
MEDUSA ETRUSCA
PERSEO E A CABEZA DE MEDUSA
A autora é Marilar Aleixandre, aquí temos un pouco da súa biografía:
Aínda que escribe en galego, é nada en Madrid en 1947 e de avoas e avós andaluces, valencianos e madrileños.
Di sentir saudade dos sitios nos que viviu, Ceuta, Doña Mencía en Córdoba e Madrid, pero dende 1973 reside en Galicia, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida.
Foi profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Insitituto Padre Casares de Vigo e agora ensina Didáctica das Ciencias Experimentais e Educación Ambiental na facultade de Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela dende 1988.
Tamén decidimos que o noso club levará o nome da poetisa ferrolá Elvira Lacaci:
ELVIRA LACACCI (1928-1977) pertenceu á xeración poética do 27 e a súa obra está enmarcada dentro da poesía social de posguerra. Foi a primeira muller que recibiu o Premio Adonais de Poesía en 1956 por Humana voz e o Premio da Crítica en 1964 por O Leste da cidade. É tamén autora de Son de Deus, e o libro de poemas infantís Molinillo de papel. En 1965 foi incluída na Antoloxía da poesía social de Leopoldo de Luís.