Club de lectura de 1º, 2º e 3º de ESO.
Fíxose unha proposta inicial de lecturas variada e consensuada cos membros do club. A partir de aí, organizáronse en grupos de lectura, de xeito libre, é dicir, cadaquén escollía o libro e tamén con que persoas quería ler e discutir ese libro, sen límite de participantes. Tamén tiñan liberdade para mudar de grupo e lectura segundo os seus intereses e circunstancias. Deste xeito, formáronse varios grupos de lectura entorno a diferentes libros que remataron, sempre, en varias sesións de posta en común e discusión, guiadas pola mediadora.
Lemos estes libros:
- Cando petan na porta pola noite de Xabier P. DoCampo
- Corredora de María Reimóndez
- Noite de voraces sombras, Agustín Fernández Paz
- Unha estrela no vento de Ledicia Costas
- Denébola a Roxa de Héctor Cajaraville
- Cidades de Fran Alonso
- Marxinados de Pepe Carballude
- Portugal de Carlos Meixide
- A balada dos unicornios de Ledicia Costas
Estes foron os libros máis lidos:
Unha estrela no vento, a primeira obra publicada por Ledicia Costas e que, como ela mesma confesou, comezou a escribir sendo unha adolescente.
→ Síntese: https://lediciacostas.com/project/unha-estrela-no-vento-gl/
Conta a historia de Miguel Foz, un estudante dun instituto vigués de bacharelato de dezasete anos. Comproba como o seu mundo derrúbase dun día para outro; farto do seu pai, da súa profesora de literatura, de toda a xente que o rodea, séntese que é diferente a todos. Recibe unha boa malleira, que o deixa eivado na casa durante días, mentres os seus colegas que frecuentan a sala de billar da cervexería Lagoa deciden vingarse por ela. Ábrese un enfrontamento entre dúas pandas que será moi diferente ó que todos eles agardan. Miguel Foz atopará no seu curmán Abel, que padece unha minusvalía física, e en Reina, unha moza xitana que vende rosas, o que é a solidariedade e o amor. Reina e Abel ensinaranlle a ver a vida dun xeito distinto.
→ Algunhas impresións dos nosos/as lectores/as:
Esta foi unha das lecturas que máis éxito tivo entre o alumnado e os grupos que a elixiron, especialmente os amores entre Miguel e Reina. Tamén se valorou que o libro enganchase desde o primeiro momento.
Portugal de Carlos Meixide.
Síntese: https://www.verkami.com/projects/33717-portugal-de-carlos-meixide-a-nova-aventura-dos-cinco-de-ons
Anabel, Roi, Suso e Fátima están a desfrutar dunhas agradábeis vacacións en Portugal mais un inesperado acontecemento convérteos nos protagonistas dunha aventura trepidante, chea de emoción e perigo. Unha historia que vos deixará sen alento. Descubrídea por vós mesmos/as pois calquera cousa que se vos conte é susceptíbel de ser spoiler.
Portugal é o agardado quinto volume da serie xuvenil Os Cinco de Ons, despois de Ons, Cans, Guitiriz e Arousa. As historias de Anabel, Roi, Suso, Fátima e mais a Rula son xa un clásico da literatura xuvenil galega. Queredes acompañalos nesta emocionante viaxe da outra beira do Miño?
→ Algunhas impresións dos nosos/as lectores/as:
A aventura dos Cinco de Ons en Portugal, na procura duns manuscritos inéditos de Eça de Queiroz, resultou unha lectura amena para moitos/as dos nosos/as lectores/as: fácil e entretida. Nalgúns casos tamén lles gustou percorrer literariamente lugares que coñecen como Braga, Porto ou Guimarães. Tamén se produciron conexións coas historias dos Cinco, de Enyd Blyton, nos que se inspiran esta serie de libros (Ons, Cans, Guitiriz, Arousa e Portugal), que incluso algunhas persoas leron, atoparon nos andeis das súas casas ou escoitaron relatar a seus pais.
A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
→Síntese: https://lediciacostas.com/project/a-balada-dos-unicornios/
A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes.Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución… e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.
→Algunhas impresións dos nosos/as lectores/as:
Esta obra foi unha das máis elixidas e tamén unha das que xerou máis debate. Algunhas persoas escóllerona porque xa coñecían outros libros da autora. Por unha banda, houbo persoas que desfrutaron inmensamente da obra desexando ler a continuación da historia; por outra, tamén houbo quen dixo que fora un dos libros que menos lle gustara. Con todo, a personaxe de Tic – Tac, o robot de Ágata, gozou de grande éxito entre todos/as, unha personaxe que conxuga a intelixencia artificial e algúns trazos da humana. Tamén triunfaron as variadas de amor. A aventura na Cidade dos Cans, a algúns lectores lembroulles un libro que escolleron o curso pasado, Quen salva un can, de Érica Esmorís. Tamén se falou moito da personaxe de Jack o Destripador, da maldade de Cornelia, a muller ártica, fronte a Wendy, a raíña albina.