Inauguración da sección de libros en portugués na nosa Biblioteca:
Do galego ao portugués, unha xanela aberta.
O próximo curso propoñeremos lecturas de libros en portugués para os nosos clubs.
Trátase dunha pequena sección de vinte libros variados que teñen como obxectivo promover a lectura e concienciar da porta aberta desde o galego ao portugués, que nace coa vontade de ser semente que agrome e medre cada curso. Conta cun espazo específico na Biblioteca, que se inaugurou no mes de xuño co alumnado do Club de Lectura de 3º ESO, que se amosou entusiasta ao ver algúns dos seus libros favoritos en portugués, sorprendidos da facilidade de lectura e comprensión desde o galego, e desexosos de iniciar as lecturas de Asterix na Lusitania, Spy familiy ou O meu pé de laranja lima.
Seleccionáronse lecturas xa de éxito na nosa biblioteca xunto con outras novas: manga (One piece, Spy family…) banda deseñada (Asterix…), coleccións como Os futebolissimos ou Diario de um banana; algúns clásicos xuvenís como O meu pé de laranja lima (Brasil), Os da minha rua (Angola) ou a colección Uma aventura (Portugal); así como mostras de poesía (O meu primeiro libro de poesía) e teatro (Teatro às tres pancadas).
O vínculo histórico entre o galego e o portugués, a cada vez maior presenza do portugués no currículo da materia de Lingua galega e literatura e a Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía tamén foron factores tidos en conta para a creación desta sección. Sirva así mesmo como pequena homenaxe ao noso ilustre veciño, nacido e criado nas rúas de Ferrol Vello, o profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero: a nosa lingua será galego portugués ou non será.
Sección de portugués, Biblioteca IFV, curso 2025-26, listaxe inicial de libros (creación, xuño 2026):
· One piece (volume 1 + 2 + 3)
· Jujutsu kaisen (nº 1)
· Jujutsu kaisen (nº 2)
· Spy family (nº 1)
· Spy family (nº 2)
· meu pé de laranja lima, Jose Mauro de Vasconcelos (Brasil)
· Teatro às tres pancadas, António Torrado (Portugal)
· Asterix na Lusitânia
· Uma aventura no Porto, Ana Maria Magalhães e Isabel Alçada (Portugal)
· Uma aventura entre o Douro e o Minho, Ana Maria Magalhães e Isabel Alçada (Portugal)
· Uma aventura em Macau, Ana Maria Magalhães e Isabel Alçada (Portugal)
· Uma aventura no Algarve, Ana Maria Magalhães e Isabel Alçada (Portugal)
· Uma aventura em Madeira, Ana Maria Magalhães e Isabel Alçada (Portugal)
· Os da minha rua, Ondjaki (Angola)
· A guerra dos mundos
· Diário de um banana
· Primeiro livro de poesia, selecção Sophia de Mello Breyner (Portugal, Brasil, Moçambique, Cabo Verde…)
· Os futebolissimos
· Dicionário ilustrado português.
· A jornada de Kappa


Ningún comentario:
Publicar un comentario