24 xuño 2017

Abril, mes dos libros!

En abril houbo Claustros e Consellos Escolares que impediron celebrar as reunións previstas, con todo, os lectores e lectoras do noso club participaron, como todo o alumnado do IES, na xornada de maratón de lectura que se celebrou o día 28 na biblioteca. 

A temática elixida foi o amor en todas as súas variantes e escoitalos recitar textos en galego, castelán, inglés e francés de diferentes autores, clásicos e contemporáneos, un pracer. Parabéns!





Conversar sobre libros




Nas reunións de marzo falouse sobre Europa Express. Do libro destacan, ademais do interese que lles suscitaron a trama e os diferentes personaxes, as gañas que lles quedaron de facer unha viaxe por Europa ao estilo dos protagonistas. 

Coñecer á escritora foi  un valor engadido e seguírona lembrando tempo despois da súa visita.











Tamén se lles entregou, ao alumnado de 3º e 4º ESO que forman parte do club, o libro Conta saldada de Suso de Toro.

A ver que nos contan unha vez que o lean.






Con Andrea Maceiras!




No Club íase ler o libro de Andrea Maceiras, Europa Express, e a autora íanos visitar en maio. Por un problema de axendas adiántase a visita ao martes 7 de marzo, así que o venres 3 repartimos os libros a fume de carozo. Como temos lectores e lectoras intrépidos sabemos que non van defraudar a ninguén e cando veña a autora terán un montón de preguntas.








Ao final non todos puideron rematar o libro, pero igualmente a visita de Andrea Maceiras foi un éxito. 




Todos os rapaces e rapazas gozaron das súas palabras, os que xa remataran Europa Express descubriron segredos novos,  os que non puideran lelo saíron con ganas de empezar inmediatamente. 





A visita da autora e este libro deron moito de si nos meses sucesivos. 




       Grazas, Andrea!

Entroido






O venres 17 de febreiro comezamos a quentar motores para o Entroido. Xuntámonos na Biblioteca para decorala acorde á ocasión, ao tempo que se comentaban distintas anécdotas típicas destas festas. Malia tanta actividade aínda houbo tempo para fotografías. 


O próximo ano imos ter que nomear unha comisión que se encargue destas tarefas. Ademais de ler, comentar e compartir lecturas, hai moito traballo arredor dun club deste tipo (e que siga así)