14 xuño 2025

A BALADA DOS UNICORNIOS

 




E outro dos libros preferidos polo club de narrativa de 1º, 2º e 3º 

A balada dos unicornios, de Ledicia Costas. 

→Síntese: https://lediciacostas.com/project/a-balada-dos-unicornios/

A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes.Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución… e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.

→Algunhas impresións dos nosos/as lectores/as: 

Esta obra foi unha das máis elixidas e tamén unha das que xerou máis debate. Algunhas persoas escóllerona porque xa coñecían outros libros da autora. Por unha banda, houbo persoas que desfrutaron inmensamente da obra desexando ler a continuación da historia; por outra, tamén houbo quen dixo que fora un dos libros que menos lle gustara. Con todo, a personaxe de Tic – Tac, o robot de Ágata, gozou de grande éxito entre todos/as, unha personaxe que conxuga a intelixencia artificial e algúns trazos da humana. Tamén triunfaron as variadas de amor. A aventura na Cidade dos Cans, a algúns lectores lembroulles un libro que escolleron o curso pasado, Quen salva un can, de Érica Esmorís.  Tamén se falou moito da personaxe de Jack o Destripador, da maldade de Cornelia, a muller ártica, fronte a Wendy, a raíña albina. 

13 xuño 2025

ENTREGA DE PREMIOS BIG CHALLENGE

Este curso participamos no concurso de destrezas en lingua inglesa The Big Challenge e obtivemos moi bos resultados: 

Tres primeiros premios provinciais e un 3º nacional.

Aquí tedes fotos do alumnado participante e da nosa biblioteca engalanada para a ocasión.








CONCURSO DE DEBUXO AFFINOR

Seguimos colaborando coa entidade ferrolá Affinor para concienciar sobre a fibromialxia. 

Estes son os debuxos que fixo o noso alumnado para reflectir o que a eles lles suxire esta enfermidade:









O gañador do 1º premio, Marco

Candela, 2º premio


Lola, 3º premio










01 xuño 2025

AS ALUMNAS

 



O último libro que imos ler este curso é a obra de teatro As Alumnas de Paula Carballeira que gañou o premio nacional de teatro no ano 2023. Aquí tedes a noticia no diario Nós do 1 de setembro de 2023:

A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros.

O xurado destacou a obra da autora galega "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate", así como "polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República": María Barbeito.

Aliás, o xurado quixo poñer en valor como "a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada".

Aquí a súa biografía:

Paula Carballeira Cabana, nada en Maniños, Fene en setembro de 1972 é unha escritora,  intérprete e realizadora de contacontos e actriz galega.


Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde vive dende o ano 1989. 

Comezou a traballar como narradora oral nos anos 90. Participou en festivais de narración oral tanto a nivel nacional como internacional como Portugal, Polonia, Francia, Colombia, Brasil, Perú, Cabo Verde, entre outros.Realiza tamén a súa actividade en bibliotecas e centros de ensino e formación.

A meirande parte dos contos proveñen da tradición oral galega, engade a súa experiencia ou opinión persoal. As veces adapta relatos de Maupassant a Mía Couto , escritores que para ela teñen amplo coñecemento da transmisión oral.

Escribe relatos infantís e xuvenís, ademais de poesía, ensaio e teatro. Moitos dos seus libros estás traducidos a varias linguas. As temáticas que trata abranguen o misterio, a relación entre a vida e a morte e os medos, onde as mulleres teñen un papel protagonista e sempre con sentido de humor e tenrura. Reivindica a palabra como algo terapéutico e necesario para saír do fastío e a soidade.

Pertence á compañía de teatro Berrobambán dende 1996.Como actriz participou en varias series e programas na TVG. Para Carballeira a dramaturxia e a tradición oral "comparten a intención de poñer diante dos nosos ollos unha ficción, unha verdade sobre a existencia, sobre os seres humanos", salientando a importancia do uso das dúas linguaxes para comunicarnos, comprendernos e acompañarnos.


Vídeos da obra representada


Vídeo dunha entrevista á autora Paula Carballeira sobre esta obra: