03 febreiro 2023

SOÑAN OS ANDROIDES CON OVELLAS ELÉCTRICAS?

 


Xa tivemos a reunión para falar da nosa primeira novela de Ciencia Ficción: "Soñan os androides con ovellas eléctricas?"

É a novela que inspirou a película Blade Runner. 

Penso que foi unha boa elección para iniciarnos neste xénero, a maioría dos membros do club disfrutamos da lectura aínda que quedamos un pouco descolocados polo final. 

De todas maneiras, sendo unha novela publicada en 1968, os temas que trata poden ser trasladados facilmente á época actual: a guerra que pode acabar coa vida na terra como a coñecemos, a contaminación, a ruina dos edificios abandonados, a extinción das especies, os programas de televisión...

A min chámame a atención especialmente a importancia da empatía como característica da humanidade, que é o único que permite distinguila dos androides.

Temos unha lectora moi activa que non puido asistir a esta sesión pero que enviou por escrito as súas impresións, e como penso que son moi interesantes aproveito para compartilas aquí.


- Aínda que hai algunhas “predicións” acerca do futuro que quedaron obsoletas (por exemplo o papel carbón), si que creo que acerta no transfondo: dependencia das máquinas, extinción de especies animais e mesmo a forma en que os humanos se ven obrigados a compartir as súas emocións cos demais a través das caixas de empatía, lembroume á obsesión de compartir estados de ánimo a través das redes sociais. - A atmosfera pesada que describe. Por como describe o ambiente case se pode sentir o po radioactivo e a "basugre". Ademais a forma de como a "basugre" vai dominando todo dálle un punto de pesimismo: aínda que se limpe esta volve aparecer. - A consideración dos animais como un indicador do status, tanto que os humanos que non poden chegar a ter un real fanse cun artificial, tan semellante a un real que mesmo os seus talleres de reparación fanse pasar por clínicas veterinarias. Lembroume ao que sucede na actualidade coas falsificacións de roupa ou accesorios. - O grao de perfección dos Nexus, de forma que a única forma de detectalos é cunha proba de empatía. Só os humanos son capaces de sentir empatía. E aínda así a intelixencia do androide pode evitar o test e facer dubidar, como no caso de Luba Luft, a cantante de ópera. Outra proba do seu nivel de intelixencia é que son capaces de detectar as condicións de escravitude nas que viven nas colonias, revelarse e escapar. - Á vez que os Nexus están cada vez máis perfeccionados, os humanos parecen cada vez máis desencantados, por iso para sentir emocións teñen que conectarse ao seu climatizador de ánimo. Ademais a emigración cara a outros planetas non parece ser a solución perfecta que se expuxo ao principio.

- A similitude entre o mercerismo e a relixión. - A figura do amigable Buster, retransmitindo por todas as canles acotío, como unha forma de anestesiar e emboubar aos humanos. Lembroume tamén a determinados programas de televisión da actualidade que se emiten nalgunhas cadeas durante horas e horas sen ningún tipo de contido


17 xaneiro 2023

DENÉBOLA A ROXA


Héctor Cajaraville
                                                                                          


Hoxe tivemos a reunión do grupo de 1º do noso club de lectura. O libro que tratamos foi Denébola a Roxa, do escritor Héctor Cajaraville  e ilustrado por Ana Pereira.

É unha novela histórica que comeza xusto no 1600, o último ano do século XVI, cando Denébola fai 15 anos, descobre que o seu pai ten plans para ela que anulan todas as súas ilusións. Nesta novela aprendemos Historia: como era a vida das mulleres nesta época, como se ía desenvolvendo a vida nas Indias despois dun século de ser atopadas por Cristóbal Colón, a razón de ser da piratería nos mares... Pero tamén sacamos leccións para o noso presente: como Denébola, grazas á súa curiosidade  que a levou a estudar e ter recursos para saír de complicadas situacións, pode impoñer a súa vontade e chegar a ser a muller adulta que ela quería ser, aínda que tamén observamos que ten que aceptar renuncias e algún sufrimento.

Aquí vos enlazo un breve vídeo da TVG  https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/denebola-a-roxa-de-hector-cajaraville-1

Aquí unha entrevista ao autor: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:H%C3%A9ctor_Cajaraville_Feira_do_libro_A_Coru%C3%B1a_2017.webm 

22 decembro 2022

CELEBRACIÓN DO NADAL

Por fin chegou o 22 de decembro e celebramos o Nadal con moitas actividades e a participación de toda a comunidade educativa, especialmente o alumnado:

  • Concurso de relatos en todas as linguas.
  • Venda de doces típicos.
  • Decoración da biblioteca.
  • Word Art do alumnado de ITI.
  • decoración das portas das aulas.
  • Photocall co noso croma.
  • Actuacións dos grupos de alumnado.







 























21 decembro 2022

RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS PARA NADAL


Coas suxestións do profesorado e do alumnado colabor da biblioteca elaboramos este tríptico, para facer unha interesante carat aos reis magos.