28 abril 2023

MOMO

 


Momo foi a primeira novela que limos as persoas integrantes do grupo 2 de lectura durante

este curso. Recoñecemos que non todas fumos quen de rematalo. Outras insistimos mais e hai

a quen lle encantou. O resto seguro que lle daremos outra oportunidade noutra ocasión!


Deixámos esta pequena recensión por se alguén máis se anima con ela, e xa nos contades!


“Momo” é unha novela de Michael Ende.

A protagonista, Momo, é unha nena coa marabillosa habilidade de escoitar aos demais e

brindarlles toda a súa atención. Por iso, convértese en confidente de moitas persoas que

comparten con ela as súas preocupacións e problemas.

Porén, chegan á súa vila un grupo de seres malvados que queren roubar o tempo das persoas

polo que, aos poucos, todas comezan a estar cada vez máis estresadas.


Se estás pensando en introducirte na “slow life” esta novela pode ser un bo comezo! ;)

DÍA DO LIBRO

 Esta semana tivemos a celebración do día do libro. Fixemos reflexións nas clases sobre os libros favoritos do alumnado, un trocalibros e o alumnado do club de decoración da biblioteca fixo un bonito mural ilustrando unha mostra de libros preciosos, de todos os idiomas, estilos e xéneros.










27 abril 2023

VIRTUDES (E MISTERIOS)




 Hoxe tivemos a reunión sobre a novela sen ficción "Virtudes (e misterios)". Xesús Fraga conta a historia da súa familia, dende os seus avós ata o tempo actual. 

Este libro lévanos á nosa infancia, á nosa propia familia, pero ademais de lembrarnos as nosas vivencias e facer que nos sintamos identificados, tanto se a nosa orixe é cercana á do autor, como se é máis allea, de Andalucía por exemplo, reflicte ben a Galicia desa época pero tamén vale, en certos aspectos para toda España.

Por outro lado, ademais de evocar a historia da nosa familia aprendemos como eran as relacións nos anos 50, como podía ser emigrar a América ou a Londres.

O avó emigra a Venezuela con gran ambición e desaparece porque non consegue o que vai buscando. 

A avoa vese obrigada a emigrar a Londres e, con perspectivas máis humildes, mantén á familia que queda en Betanzos e, aínda que sempre gardando todo para as que quedaron, fai vida en Londres.

A nai e o pai tamén acaban emigrando a Londres, o pai adáptase a todo e para a nai é a oportunidade de conseguir os recursos para ser mestra, aínda que non consegue estudar maxisterio, si que, gracias ao su esforzo por aprender Inglés pode ensinar aínda que sexa na casa.

A terceira xeración, o autor, nace en Londres e aínda que os seus pais volven con el cando só tiña 5 anos, pola insistencia da súa nai e as visitas á súa avoa, quedará marcado por esa cidade.

Outra cousa que nos pareceu moi interesante é como os caracteres das persoas, non só as vidas que lles tocan vivir, determinan que sexan máis ou menos desgraciados.

Unha lectora resume a súa experiencia co libro: para ela relata moi ben as loitas e sacrificios dos que teñen que abandonar todo para mellorar a súa vida e a vida dos seus, e presenta á avoa Virtudes como un modelo de forza de vontade e determinación.

Poño aquí un enlace dunha entrevista a Xesús Fraga sobre o seu libro.

https://librujula.publico.es/xesus-fraga-no-se-puede-renunciar-al-pasado-hay-que-mirarlo-para-entenderlo/

Vídeo dunha das presentacións:https://youtu.be/JlNfAo56nU8


31 marzo 2023

EL PONCHE DE LOS DESEOS

 


O martes reunímonos para falar do "El ponche de los deseos" de Michel Ende.

Aquí tedes a biografía do autor:

Michael Andreas Helmut Ende naceu o 12 de novembro de 1929 na localidade de Garmisch-Partenkirchen, Baviera (Alemaña).
Era o fillo único de Luisä Bartholomä e do pintor surrealista Edgar Ende, artista que foi censurado polo réxime nazi.
Tivo que interromper os seus estudos secundarios cando foi chamado a servir no exército alemán. Ende, que colaboraba cunha agrupación antinazi chamada Fronte Libre Bavariana, estudou Interpretación entre os anos 1947 e 1950 na escola de Otto Falckenburg, sita en Munich.
A comezos dos anos 50 comezou a escribir relatos para o público infantil e xuvenil.
Tamén traballou como actor, guionista de espectáculos de cabaret, e escribiu críticas cinematográficas, alcanzando a popularidade literaria no seu país con "Jim Botón e Lucas o Maquinista" (1960), novela de fantasía e aventura que lle valeu o galardón Deutscher Jugendbuchpreis ao mellor libro infantil alemán do ano.
No ano 1964 contraeu matrimonio coa cantante e actriz Ingeborg Hoffmann (nada en 1921), con quen residiu na cidade de Roma, concretamente en Genzano.
Especializado no xénero fantástico, conseguiu a fama con imaxinativos títulos como “Libro Dos Monicacos” (1970), “Momo” (1973), deliciosa novela pola que volveu ser premiado, ou “A Historia Interminable” (1979), a súa obra máis coñecida e un clásico da literatura fantástica. Faleceu o 29 de agosto de 1995.


En canto a "El ponche de los deseos", estivemos de acordo en que é unha novela que reflicte unha preocupación polo medio ambiente, publicada en 1989, e aínda  seguimos a voltas e sen solucións efectivas. Por outro lado, observando os caracteres dos heroes, o gato Maurizio e Jacobo o corvo, case opostos podemos aprender a encarar as dificultades e a traballar en equipo.


comparto a crítica ol blog AlohaCriticón


Fenomenal narración na que descubrimos que ata un malvado bruxo, de gran prestixio e éxito, debe cumprir cun mínimo de maldades ao ano. De non ser así, obrigado por un pacto satánico, será borrado do mapa. Nesta situación arrinca o conto, cun Sarcasmo Belcebú desesperado ao non cumprir co mínimo esixido na noite de San Silvestre que, por mero azar, consegue a fórmula do genialcoholorsatanarquiarqueologicavernoso ponche co cal será capaz de destruír o mundo. Pero non todo está perdido. O Consello de animais ten espías infiltrados: Maurizio dei Mauro, un gato pouco espabilao e indolente, cunha insana tendencia á sodología fantástica e Jacobo, un corvo, cheli e costeleta, con certa reticencia ao compromiso.

 O que podería ser unha historia sen esperanza, dadas as escasas virtudes dos superheroes, convértese nunha divertida e trepidante carreira contra o reloxo para salvar o noso cosmos. Ao longo do periplo, tanto o gato como o corvo, irán descubrindo as súas miserias, nunha análise propia e recíproca, chegando a aceptarse a si mesmo e ao outro como compañeiro de aventuras.

Aínda que esta obra non posúe o lirismo conseguido en libros como “Momo”ou o poderío de “A Historia Interminable”, está dotada dun gran sentido do ritmo e a historia engancha desde o primeiro momento.

A pesar de certo maniqueísmo inherente a todo conto infantil, os personaxes retrátanse con mestría e quizá, inducen, grazas á revelación das súas debilidades e posterior superación das mesmas, á identificación do lector con eles.

Así mesmo, tanto o humor como a ambientación gótica como algún que outro xenial toque surrealista, fan da novela un estupendo entretemento e quizá, para aquel que non coñeza ao autor, unha espléndida maneira de iniciarse na súa obra.